Arquitecta, profesora na área de Didáctica de Expresión Plástica da Facultade do profesorado de Vigo e doutoranda no Programa de Educación (Especialidade Educación Artística) da Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como profesora asociada na Facultade de Maxisterio de Lugo (2017-2020) no Departamento de Educación Visual e Plástica e forma parte do grupo de investigación LITER 21 e dos grupos de innovación Escola Imaxinada (www.escolaimaxinada.com) e Innov-Arte pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela. O plan de investigación do seu programa de doutoramento cuxos directores son Vicente Blanco Mosquera e Carmen Franco Vázquez, baséase no estudo do espazo como soporte artístico-educativo. O título da súa tese, Lugares Resistencia, Lugares Posibles: a produción de espazos compartidos, estuda formas de traballar a percepción e a práctica espacial en relación aos espazos de uso comunitario, entendéndoos como elementos de identidade ligados á aprendizaxe e á formación estético-social, para a formulación de alternativas de uso e acción que promovan o coidado e o respecto cara á nosa contorna. Neste sentido, e desde hai varios anos, organiza e realiza experiencias didácticas no ámbito da educación formal e non formal que ligan Arquitectura e Educación Artística, que comparte en encontros, congresos e publicacións diversas.