Cartografías Téxtiles é un proxecto internacional de investigación-acción participativa que procura promover o estudo e o facer artístico con materiais e técnicas textis como o bordado (ou calquera outra) e ten como eixe temático o obxectivo 16 de Desenvolvemento Sostible da axenda 2030 das Nacións Unidas (promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas).
Mediante a elaboración de pequenas pezas téxtiles(cadrados de tela de 10x10cm) procúrase que cada participante poida reflexionar sobre a súa relación ca contorna e o territorio ao tempo que o coser favorece a cohesión social, o activismo medioambiental e a relación coa identidade e o patrimonio.
O tema que propoñemos aquí é: “Dálle voz ao lugar” mediante o que convidamos a participar cosendo, bordando, debuxando…as vosas historias sobre as telas de xeito que con todos os cadrados vaiamos construíndo unha cartografía colectiva que amose a diversidade de voces e narrativas téxtiles e funcione como un chamamento colectivo contra os conflitos sociais e ambientais e polo futuro dos lugares e xa que logo, do planeta.
Desde que comezara a súa andaina en 2021 organizado polo Grupo de Investigação da Associação de Professores de Expressão e Comunicação Visual de Portugal (APECV) o proxecto vai percorrendo diferentes países da man de artistas e educadores/as de arte do Brasil, México, Estados Unidos, Australia, Namibia, Exipto, Alemaña, España e Portugal (entre outros) nos que se desenvolven accións e exposicións participativas que poñen de relevo, desde lemas diversos, a necesidade de tomar medidas a prol da sostibilidade.
A sesión informativa que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro contará coa participación das artistas visuais e arteducadoras Ângela Saldanha (APECV), Celia Matsunaga, Dolores Soto e Ramona Rodríguez e Mª Dolores Gallego (coordinadoras do proxecto en Brasilia, Valencia e Almería, respectivamente). Explicarán (de xeito telemático) as características das propostas que desenvolveron en diferentes contextos educativos. Ademais achegaranse materiais e recursos que poderán servir de apoio para as persoas que desexen participar de xeito individual ou colectivo na instalación participativa que acollerá o Museo do Pobo Galego no mes de abril.
Convidamos a docentes, estudantes e calquera persoa interesada a asistir a esta sesión o vindeiro 23 de febreiro de 17 a 19 h.
Para inscribirse antes do 22/2 dirixirse a: servizosdeac@museodopobo.gal