Do 16 de febreiro ao 16 de maio, NORMAL (A Coruña) presenta unha exposición comisariada por Natalia Poncela e ca participación de proxectos desenvolvidos por Jacobo Bugarín, Vicente Blanco, Salvador Cidrás, Silvia García e Carme Nogueira.
Dentro das diferentes aportacións que forman parte desta exposición destacamos o traballo desenvolvido polo Proxecto Escola Imaxinada realizado por Vicente Blanco e Salvador Cidrás. Estes dous autores desenvolven parte da súa investigación artística en contextos educativos. Nese sentido, desenvolven unha “pedagoxía da creatividade” proporcionando escenarios de acción que dean a oportunidade de crear.
A continuación pódense ver algunhas imaxes e videos da aportación destes dous autores nesta exposición, xunto con unha conceptualización da súa aportación:
Trebello (2023)
A palabra Trebello define un concepto amplo e ambiguo que comprende inventiva, espontaneidade e resolución de problemas con poucos recursos. Asemade reivindica a creatividade artesanal dos utensilios que se empregaban nunha sociedade eminentemente rural.
Un trebello pode ser utilizado de moitas formas e defínese polo contexto e o receptor. Neste caso, os trebellos implican un elemento de unión, espacial e formal que activa os desenvolvementos creativos da infancia. Recollendo os procesos realizados con este material polo alumnado de Educación Infantil e de diferentes centros de A Coruña.