Resumo
Nesta Tese de doutoramento, Carlos Casares na prensa diaria (1968-1992), pártese de fundamentacións teóricas sobre a vinculación entre Literatura e Xornalismo. Realízase unha descrición das colaboracións en prensa de Carlos Casares publicadas entre o 8 de marzo de 1968 e o 4 de xuño de 1992. Casares escribiu estes artigos de forma parella e simultánea á súa produción literaria, e a outras facetas por el desenvolvidas no ámbito da cultura galega. Estas facetas do autor permiten profundar nas relacións entre xornalismo e literatura na súa obra. En primeiro lugar, preséntase unha biografía do xornal La Región, a descrición das colaboracións de Casares publicadas de forma esporádica entre 1968 e 1973 sen sección asignada e as publicadas entre 1968 e 1974 na sección “Con esta lupa” ilustrada polas caricaturas de Siro López, e os trazos característicos das colaboracións en La Región. En segundo lugar, preséntase unha biografía de La Voz de Galicia, seguida da descrición das colaboracións de Casares publicadas entre 1975 e 1992. Por unha banda, descríbense as publicadas nas seccións “A ledicia de ler” (5 xaneiro 1975-28 maio 1987, e 17 xuño 1990-4 xuño 1992) e as súas variantes “Día a día” (4 xuño-29 setembro 1987), “A tertulia” (22 outubro 1987-26 maio 1988) e “A biblioteca” (17 setembro 1987). Por outra banda, descríbense outras colaboracións esporádicas sen sección (1986-1988). E por outra, repásanse os primeiros pasos da columna “Á marxe” (30 abril 1982-4 xuño 1992), antes de que se convertera en sección fixa diaria entre o 9 de xuño de 1992 e o 9 de marzo de 2002 debido ao falecemento de Casares. Descríbense os artigos publicados na sección “Ao marxe” (30 abril-4 outubro 1982) e na sección esporádica “Á marxe” (30 abril 1982-4 xuño 1992). Así mesmo indícanse os trazos característicos das colaboracións en La Voz de Galicia. En terceiro lugar, descríbense as colaboracións publicadas por Casares en xornais non galegos, El País (31 decembro 1985-21 xaneiro 2002) e no suplemento “El Cultural” de El Mundo (17 xaneiro 2002). A seguir, proponse unha Clasificación temática das colaboracións, seguida das Conclusións e as Referencias bibliográficas. Esta Tese de doutoramento compleméntase en Anexos cun traballo hemerográfico que dá conta dos lugares, datas e títulos das colaboracións realizadas polo autor en distintos xornais galegos e foráneos.