Resumo
Esta tese de doutoramento ten como obxecto de estudo a análise das obras narrativas da Literatura Infantil e Xuvenil en lingua galega que representaron, nalgunha medida, a Guerra Civil española (1936-1939), dende o inicio do conflito até o ano 2014. Partindo dos postulados das teorías feministas, comparadas e sistémicas amósanse como foron representadas as mulleres nas obras e proponse unha tipoloxía desas representacións. Así mesmo, cuantifícase a produción realizada polas mulleres escritoras en comparación coa dos homes escritores e faise comparación entre as semellanzas e diferenzas das representacións dos roles das mulleres realizadas por uns e outras.