O grupo de investigación Liter21 da Universidade de Santiago de Compostela impulsa o curso de verán Atrévete co audiovisual: unha proposta didáctica, de 20 horas de duración. Este curso orientado tanto a profesionais coma a estudantes do sector educativo, ten como obxectivos principais dar a coñecer as técnicas básicas para crear un audiovisual e a elaboración dunha práctica baseada no deseño e desenvolvemento dun proxecto audiovisual sinxelo.
O desafío que supuxo a pandemia a nivel global evidenciou a importancia do audiovisual como unha ferramenta fundamental no ámbito educativo. Na contorna teleformativa derivada dos confinamentos, os docentes non só deben posuír un amplo coñecemento sobre a materia que imparten, senón tamén un claro coñecemento da tecnoloxía e das fórmulas de pedagoxía dixital. Esta cuestión relaciónase coas propias reflexións que o corpo docente expón en canto á estratexia de xestión das ferramentas TIC e as posibilidades que as mesmas ofrecen á hora da innovación educativa. Por tanto, é fundamental que, para que a teleformación funcione, todos os membros da comunidade educativa, con especial fincapé no corpo docente, coñezan de antemán as posibilidades que as TIC ofrecen dentro do campo do ensino, aumentando así a súa alfabetización dixital. O uso deste tipo de medios audiovisuais, aínda que xa eran importantes antes das necesidades derivadas da pandemia COVID-19, converteuse en peza fundamental para o adecuado desenvolvemento socioeducativo en todos os niveis. Unha realidade propia do noso tempo e do ansia de novas propostas de aprendizaxe experimental grazas ao uso competente e ético dos recursos propios do ecosistema dixital.
O curso estruturase en dúas partes: unha aproximación teórica aos elementos básicos da fotografía e do vídeo e á narrativa e montaxe audiovisual e unha sergunda parte práctica onde os participantes deseñarán o seu propio proxecto audiovisual. O programa será o seguinte:
21-23 Xuño 2022, Aulas 5-7, Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte).
Guillermo Calviño Santos
Ten o Grao en Fotografía na Universidade Politècnica de Catalunya e o Grao en Fotografía e Creación Dixital do Centre da Imatge i a Tecnologia Multimèdia da mesma universidade. Traballou como fotógrafo freelance e profesor de fotografía, vídeo e deseño na educación non formal. É profesor Axudante Doutor de Expresión Plástica, primeiro na UDC e agora na USC. Forma parte dos grupos de investigación, LITER21 (USC) e Artefacto (UDC). Na actualidade centra a súa actividade na investigación da fotografía como reflexo dos modos de actuar e comprender o mundo e a súa aplicación dentro do sistema educativo. A fotografía convértese así nun medio para reflexionar sobre o papel da imaxe na configuración da identidade e a transformación dos espazos públicos e privados que habitamos.
Olalla Cortizas Varela
Licenciada e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. A súa carreira investigadora comeza en 2008 dentro do Grupo de investigación MODO (Modos de coñecemento artístico) da Facultade de Belas Artes de Pontevedra cunha bolsa de Terceiro Ciclo da Xunta de Galicia e continúa cun contrato predoutoral da Xunta de Galicia. Entre os anos 2008-2015 traballou como artista e investigadora dentro do mesmo grupo de investigación, impartindo tamén docencia dentro do Grao de Belas Artes. Defendeu a súa tese doutoral sobre o ensino da escultura no marco universitario, en decembro do 2015. Actualmente forma parte do persoal docente da Facultade de Ciencias da Educación como contratada doutora da área de Didáctica da Expresión Plástica. Imparte clase nos Graos de Mestre/a de Educación Infantil e Primaria, así como no Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. Desde o 2015 pertence ao grupo Liter21 (GI-1839. Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións Literarias, artísticas, interculturais e educativas. Lecturas) da Universidade de Santiago de Compostela. As súas liñas de investigación vincúlanse á educación e á arte contemporánea nos espazos fronteirizos da interdisiciplinariedade, atopando na LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) o campo específico onde conflúen as súas investigacións nos últimos anos. Participou en Congresos e ten publicado artigos, capítulos de libro e recensións sobre Literatura Infantil e Xuvenil Galega. Recentemente realizou unha estadía de investigación no Departamento de Linguas e Culturas dá Universidade de Aveiro (Portugal) sobre as potencialidades creativas e educativas da materialidade e do visual no libro infantil.
Luís Miguel Crespo Caride
Estuda música dende cativo, e logo de realizar os estudos de Grao Profesional de Música no Conservatorio de Ourense, continúa a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde remata con Matrícula de Honra o Superior de Música na especialidade de Trompeta. Paralelamente estuda o Grao en Comunicación Audiovisual na UVigo, o Máster en Industria Musical na USC e o Máster en Profesorado de Educación Secundaria. Actualmente colabora como divulgador de música clásica no programa Diario Cultural da Radio Galega desde o ano 2018, e exerce de profesor de música no ensino secundario en Silleda e Arzúa, como profesor de vento metal na Casa da Música de Chantada, e como profesor de Trompeta no Conservatorio Profesional de Música de Arzúa.
Rocio G-Pedreira
Doutora en Estudos da Infancia (Universidade do Minho) co traballo “Literatura, cinema e mediación docente: os protagonistas infantís de Roald Dahl e a súa liberación fantástica”. Na actualidade é persoal docente e investigador na USC, e membro do grupo de investigación LITER21 da mesma institución. Membro da Rede LIJMI (CRPIH), do equipo investigador do Centro de Investigação em Estudos dá Criança (Universidade do Minho) e editora de “Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil”. Traballou como mestra de primaria, especialidade de Pedagoxía Terapéutica.Tamén participou en congresos e publicou traballos varios sobre Literatura Infantil e Xuvenil, educación literaria, cinema infantil e/ou familiar e alfabetización fílmica.
Juan Luis Lorenzo Otero
Doutor en Historia, Xeografia e Historia da Arte (Especialidade de Historia da Arte) pola Universidade de Santiago de Compostela co traballo “Rockstar Games. Innovación, investigación e intermediación na arte do videoxogo”. Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e Master en Xestión do Patrimonio, Museos e Mercado da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Comisario da exposición Autómatas do Consumo na Galería El Taller (Santiago de Compostela). Na actualidade é técnico superior de apoio á investigación contratado polo grupo de Investigación LITER21 da Universidade de Santiago de Compostela.
Cristina Trigo Martínez
Licenciada en Historia da Arte (USC). É profesora na área de Didáctica da expresión plástica da Facultade de Ciencias da Educación (USC). Con anterioridade (1998-2014) foi educadora e coordinadora do servizo de actividades e proxectos educativos do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC; Santiago de Compostela). A interrelación educación-arte contemporáneo-museo é o eixe principal do traballo e da investigación que está desenvolvendo. Ten participado en diversos cursos, xornadas, congresos así como en publicacións nos que afonda na converxencia entre as prácticas artísticas contemporáneas e a educación hoxe. Pertence ao grupo de investigación LITER21 e á célula de acción artística e resistencia C3.
1 Comment
Mágoa que unha proposta tan interesante nos cadre coas avaliacións nos institutos. Saúdos.