Resumo
Tendo en conta que o recoñecemento da literatura xuvenil é un fenómeno recente, obsérvase que os subsistemas literarios xuvenís brasileiros e galegos, dende o nacemento de ambos -o primeiro nos anos 70 e o segundo nos 80- presentaron un gran avance nos temas abordados no xénero narrativo xuvenil, especialmente naqueles que se deixaron de lado durante moito tempo, como o acoso escolar, a violencia sexual, as enfermidades terminais, o terrorismo, os prexuízos, a morte, entre outros conflitos que viven os mozos protagonistas destas obras. En xeral, as producións narrativas xuvenís actuais proporcionaron unha maior identificación cos adolescentes, como xa sinalou Martha (2010b: 121), xa que os mozos poden recoñecerse neste mundo de ficción e reflexionar sobre a súa condición no medio dun período de turbulencias. Así, esta tese pretende rastrexar e analizar, a partir de estudos de literatura comparada, os temas recorrentes nun corpus de vinte e catro narrativas xuvenís brasileiras e galegas contemporáneas do século XXI (2000-2012), doce de cada área. O fundamento teórico deste traballo inclúe estudos de literatura comparada e tematoloxía, como os de Claudio Guillén, Tânia Carvalhal e Eduardo Coutinho, Cristina Naupert, Genara Pulido Tirado, entre outros. Ademais, empregamos, sobre todo, as investigacións de João Luís Ceccantini, Alice Áurea Penteado Martha, Vera Teixeira de Aguiar, Blanca-Ana Roig Rechou, para realizar unha breve retrospectiva da formación e consolidación dos subsistemas xuvenís brasileiros e galegos, respectivamente. A investigación mostrou que os dous contextos presentan un terreo fértil para facer comparacións –aproximacións e distancias–, especialmente no que se refire aos conflitos que viven os protagonistas desas narracións. Por último, cremos que esta investigación contribúe non só ao desenvolvemento do subsistema literario xuvenil nas dúas áreas en cuestión, senón tamén como ferramenta para a lectura de mediadores.