Resumo
Esta tese doutoral enmárcase na escola da lingüística cognitiva. Tendo en conta que a linguaxe figurada é unha fonte de coñecemento que lle permite ao ser humano percibir e comprender o mundo, xa que impregna a totalidade da nosa experiencia diaria (as emocións, os conflitos, as dificultades…), constituíndo un reflexo fiel dun determinado pobo, da súa cultura e do seu modo de vida; este proxecto de investigación ten como obxectivo principal a análise descritiva e explicativa de expresións figuradas, atendendo tamén á correspondente representación visual, considerando, ademais, o seu valor educativo. Para conseguir o obxectivo, en primeiro lugar delimitamos os conceptos básicos pertinentes e establecemos un esquema conceptual sobre o que se asenta o estudo das unidades. En segundo lugar, para a confección do corpus, realizamos un baleirado das obras de Literatura Infantil e Xuvenil de Fina Casalderrey, procurando unidades figuradas lexicalizadas no ámbito da ira, o medo, a tristeza, a morte e a tolemia. En terceiro lugar, analizamos os modelos cognitivos, as súas semellanzas e diverxencias, ofrecendo, na medida do posible, unha explicación motivacional das expresións do corpus. Deste xeito, achegámonos ao retrato que os galegos e galegas amosan da ira, o medo, a tristeza, a morte e a tolemia; posto que a linguaxe figurada proxecta a cosmovisión do pobo que a concibiu.