Licenciada e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. A súa carreira investigadora comeza en 2008 dentro do Grupo de investigación MODO (Modos de coñecemento artístico) da Facultade de Belas Artes de Pontevedra cunha bolsa de Terceiro Ciclo da Xunta de Galicia e continúa cun contrato predoutoral da Xunta de Galicia. Entre os anos 2008-2015 traballou como artista e investigadora dentro do mesmo grupo de investigación, impartindo tamén docencia dentro do Grao de Belas Artes. Defendeu a súa tese doutoral sobre o ensino da escultura no marco universitario, en decembro do 2015. Actualmente forma parte do persoal docente da Facultade de Ciencias da Educación como contratada doutora da área de Didáctica da Expresión Plástica. Imparte clase nos Graos de Mestre/a de Educación Infantil e Primaria, así como no Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. Desde o 2015 pertence ao grupo Liter21 (GI-1839. Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións Literarias, artísticas, interculturais e educativas. Lecturas) da Universidade de Santiago de Compostela. As súas liñas de investigación vincúlanse á educación e á arte contemporánea nos espazos fronteirizos da interdisiciplinariedade, atopando na LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) o campo específico onde conflúen as súas investigacións nos últimos anos. Participou en Congresos e ten publicado artigos, capítulos de libro e recensións sobre Literatura Infantil e Xuvenil Galega. Recentemente realizou unha estadía de investigación no Departamento de Linguas e Culturas dá Universidade de Aveiro (Portugal) sobre as potencialidades creativas e educativas da materialidade e do visual no libro infantil.