Resumo
Este traballo analiza o potencial educativo da música como recurso didáctico para promover na aula valores de concienciación ambiental. A integración entre os recursos culturais e ambientais analízase nesta investigación dende unha perspectiva evolutiva, biolóxica, zoolóxica, ecolóxica e interdisciplinar que fundamenta unha aproximación á educación ambiental dende a materia de música. Tendo en conta a estreita conexión entre medio ambiente e cultura na Comunidade Autónoma de Galicia, este traballo investiga as prácticas do profesorado de música en ensinanzas obrigatorias con respecto á transmisión de valores de concienciación ambiental. Para iso, planéase unha metodoloxía de carácter mixto que integra técnicas de investigación cuantitativa (cuestionarios) e cualitativa (entrevistas) para obter unha aproximación empírica á temática investigada. Concretamente, analízanse o coñecemento, a presencia, os usos e a percepción do profesorado sobre o emprego da música como recurso de concienciación ambiental.